Escrito por María Xosé Queizán, escritora e feminista
O odio contra as mulleres, a misoxinia, non acaba.
Os sistemas relixiosos, políticos e económicos arremeten contra nós.
A relixión considérase dona da moral e dos nosos órganos reproductores, e pretende regular o sexo, as maternidades, á marxe da nosa vontade. Non se alporiza, pola contra, dos millóns de mutilacións xenitais que se levan a cabo no mundo. O grito feminista “Dereito ao propio corpo!” segue a ser indispensable.
O Goberno da Xunta de Galicia está favorecendo o poder eclesiástico coa Lei de Familia e os apoios á Rede Madre, poñendo os úteros das mozas desfavorecidas economicamente e as súas criaturas a disposición dos criterios das monxas.
As mulleres realizan a maioría do traballo do mundo, pero as decisións laborais, os empregos asalariados, danlle preferencia aos homes. Os Consellos de Administración son xuntanzas machistas. Corruptos, repártense millóns pensando que as mulleres debemos compartir receitas de cociña, biberóns, zapatos de tacóns e ansiolíticos.
Na representación artística, no cine, na tele, na publicidade, as mulleres son obxectas de uso e abuso, visual, táctil, onde se alenta o sadomasoquismo machista.
As violacións, malleiras e asasinatos das mulleres, así como os incestos coas criaturas son sistemáticas. Transcenden o privado para seren terrorismo machista.
Temos unha Lei de Igualdade e unha Lei contra a Violencia de Xénero que non se cumpren. Son masacradas, apuñaladas brutalmente, zorregadas, queimadas, tiroteadas, atropeladas, lanzadas polo balcón… polos seus machos, incesantemente, sen que iso sexa considerado problema de Estado.
Cada muller asasinada só merece das autoridades UN MINUTO DE SILENCIO.
Source: 2011-2013
Sen comentarios