Menu
2011

Vigo conmemorará o 25 de novembro cunha gran cadea humana contra a Violencia de Xénero

A concelleira Chus Lago, xunto ás representantes do Consello Municipal da Muller e tres dos Enlaces da campaña, durante a rolda de prensa de presentación da iniciativa Enlaza Vigo.


O Consello Municipal da Muller de Vigo e a Concellería de Igualdade fixeron  hoxe un chamamento á cidadanía viguesa para que participe, o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, nunha gran cadea humana para condenar o machismo e a violencia contra as mulleres.

A iniciativa, que ten o lema “Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero”, foi presentada esta mañá polas integrantes da comisión do Consello Municipal da Muller, Rosa Fontaíña e Luisa Ocampo, e maila a concelleira de Igualdade, Chus Lago. No acto participaron tamén o cantante Nicolás Pastoriza, a violinista Patricia Moon e a xogadora de baloncesto Deborah Rodríguez, persoas cunha proxección pública, que actúan, xunto a outras moitas máis de diversos ámbitos, como Enlaces difusores desta iniciativa.
Enlaza Vigo reclama a participación de máis de 200 institucións e organizacións da cidade, entre as que figuran institutos, universidade, sindicatos, asociacións veciñais, clubes deportivos, sociedades culturais, centros cívicos, colectivos empresariais ou institucións públicas, para lograr a implicación decisiva e necesaria para rematar co terrorismo machista.
A iniciativa Enlaza Vigo difúndese desde hai unha semana nas redes sociais Facebook e Twitter, onde conta xa con case 400 seguidores, e a través do blog http://www.enlazavigo.com, que ofrece información actualizada e opinións sobre Violencia de Xénero, así como as incorporacións dos Enlaces que se van sumando á campaña.
A cadea humana contra a Violencia de Xénero celebrarase o vindeiro día 25 de novembro, ás 11:00 horas, co punto de saída fronte ao MARCO. Ao longo da súa traxectoria situaranse 600 siluetas de muller en representación e homenaxe ás vítimas da Violencia de Xénero contabilizadas en España desde 2003. Deste xeito simbólico, preténdese facer visible a traxedia que representa o terrorismo machista.
Segundo os datos do Ministerio de Igualdad, no  que vai de ano, foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas un total de 52 mulleres.
Na súa intervención  na rolda de prensa, Luisa Ocampo suliñou que a Violencia de Xénero é un “problema de Estado” e fixo un chamamento á participación da cidadanía de Vigo nesta iniciativa para acadar a “visibilidade do rechazo á violencia contra as mulleres”.
Pola súa parte, Rosa Fontaíña fixo fincapé na necesidade de combatir a Violencia de Xénero todos os días do ano.
Para a concelleira de Igualdade, a campaña Enlaza Vigo é necesaria para dar unha resposta contundente e clamorosa do conxunto da sociedade contra a Violencia de Xénero porque “a pasividade é un arma máis no terrorismo machista”.
Nicolás Pastoriza, Patricia Moon e Deborah Rodríguez amosaron o seu apoio persoal á campaña, así como a súa concienciación contra o machismo e as súas consecuencias, entre as que o asasinato de mulleres é a máis tráxica.

Source: 2011-2013

Sen comentarios

    Deixe unha resposta