Fotografía tomada na cadea humana Enlaza Vigo, celebrada o pasado ano co gallo do 25-N. © V. de las Heras.
Poucas semanas despois de iniciar a organización da campaña de Enlaza Vigo contra a violencia machista, xa confirmaron a súa participación nas actividades programadas un total de 24 centros de ensino secundario de Vigo. Deste xeito, contamos xa con máis de 1.200 alumnos e alumnas que van participar no acto central da campaña, a creación dun tapiz humano na rúa Urzáiz, o vindeiro día 23 de novembro, ao que convidamos a toda a cidadanía.
A participación do alumnado non queda aquí, e os rapaces e rapazas están comezando a elaborar, con toda liberdade creativa, os carteis cos que participarán nunha grande exposición colectiva de condena da violencia contra as mulleres que se instalará na rúa do Príncipe.
Enlaza Vigo quere ser o referente da reacción da cidadanía de Vigo contra a violencia de xénero, e co gallo do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, fai un chamamento á participación de toda a cidadanía nunha iniciativa que é un berro colectivo contra a lacra da violencia de xénero, que no que vai de ano cobrouse a vida de 37 mulleres.
A campaña Enlaza Vigo, que organizan o Consello Municipal da Muller e a Concellalía de Igualdade de Vigo, conta, ademais, co apoio activo dun centenar de persoas coñecidas, vencelladas ao mundo da cultura, o deporte, o xornalismo ou a arte, aos que chamamos “enlaces”, e que durante a campaña irán achegando a este blog as súas mensaxes e reflexións contra a violencia de xénero.
Pero Enlaza Vigo é unha iniciativa que necesita do compromiso da cidadanía en xeral, e consecuentemente este blog está aberto á colaboración de calquera persoa que desexe compartir o seu rexeitamento da violencia contra as mulleres.
|
Sen comentarios