Mañá mércores ás 12 horas desenvólvese en Vigo o acto central do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres que este ano ten como lema “somos quen de deter a violencia de xénero” e que reunirá no farol de Urzáiz a 1.800 estudantes para conformar un tapiz humano co que se amosará o rexeitamento da cidade a esta lacra. A concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, presentou as actividades da xornada acompañada de representantes de varias entidades do Consello Municipal da Muller.
O Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres que se conmemora mañá mércores 25 de novembro será unha xornada de concienciación e reivindicación na cidade coa celebración do EnlazaVigo, un programa de actividades que presentou esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, quen asegurou que “loitamos contra a violencia machista os 365 días do ano” con distintas ferramentas e plans de axuda ás mulleres.
O EnlazaVigo 2015 contra a violencia de xénero inclúe accións ao aire libre desde as 10:30 horas da mañá cando o alumnado de 63 centros de ensino medio vigueses se reunirán no farol de Urzáiz para realizar actividades informativas, lúdicas e reivindicativas. Os estudantes son os autores das obras da exposición colectiva que se pode contemplar nos arredores do MARCO, na rúa do Príncipe, unhas pezas nas que reflectiron a súa visión da violencia sexual e da violencia de xénero.
Ás 11:45 procederase á lectura do manifesto do Consello Municipal da Muller, un acto no que intervirá o alcalde e, a partir das 12:00, confórmase na rúa Urzáiz o tapiz humano co que a cidade “amosa a unión de todas e todos para crear un lugar mellor para protexer ás vítimas das violencias machistas” segundo explicou Uxía Blanco, quen tamén informou do peche do tráfico en Urzáiz durante o tempo que se desenvolven as actividades.
A concelleira de Igualdade instou á sociedade viguesa a implicarse na loita contra a violencia machista se coñecen algún caso de maltrato porque “moitas mulleres están en perigo de morte na súa casa, moitas veces non poden defenderse e nós temos noticia de que pasa algo raro. Temos que botarlles unha man e conseguir que saian adiante” e emprazou aos medios de comunicación a tratar estas noticias coa máxima cautela e respecto polas mulleres e as súas familias. Na mesma liña expresouse durante a presentación da xornada Rosa Fontaíña, coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, apelando ao compromiso da sociedade para axudar nesta loita “temos que seguir creando conciencia cidadá da problemática, traballar todos os días, todas e todos, os medios de comunicación, a sociedade que ten unha responsabilidade moi grande amais da maior que teñen os políticos para poñer a man ferramentas de defensa para as mulleres”.
Sen comentarios