O alcalde presentou unha nova edición do EnlazaVigo, un conxunto de accións dirixidas a denunciar e sensibilizar á sociedade sobre a violencia contra as mulleres. O 25 de novembro, día Internacional contra esta lacra social, cerca de 1.900 estudantes de 24 centros de secundaria formarán un tapiz na rúa Urzáiz.
As promotoras do evento, a Concellería de Igualdade e o Consello Municipal da Muller, acordaron que a temática deste 2014 sexa a ciberviolencia de xénero na xuventude, co obxectivo de previr, recoñecer e non ser cómplice destas actitudes e comportamentos. Tal e como explicaron, abordaránse todas as posibilidades coa participación activa de estudantes e profesorado.
A primeira acción máis destacada do Enlaza Vigo será o gran tapiz humano que se vai organizar a partir das 12,00 horas na rúa Urzáiz e que vai recrear unha conversa por whatsapp. Ese mesmo día, desde as 10,30 h haberá actividades informativas, lúdicas e reivindicativas, rap, un photocall, breakdance, malabares, baile moderno, etc.
O programa deste ano tamén inclúe actividades previas realizadas na aula, como a exposición colectiva disposta fronte ao Marco desde o 18 ao 26 de novembro. Alumnado de 34 centros participa nesta mostra reivindicativa. Tamén se organizou un concurso de relatos virtuais en whatsapp.
Na rolda de prensa estiveron presentes, ademais da concelleira de Igualdade, Isaura Abelairas; Luz Iglesias, de Viúvas Demócratas e Charo Otero e Rosa Fontaíña, da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos.
O alcalde rematou a súa intervención enfatizando as 754 mulleres asasinadas en España por violencia de xénero desde o ano 2003.
Sen comentarios