A fachada da Casa da Cultura, no Casco Vello, luce xa a imaxe da campaña pola igualdade que realiza este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. Desde esta tarde, a praza da Constitución prepárase para acoller mañá, sábado 3 de marzo, unha festa co obxectivo de gozar dunha xornada de convivencia e de reivindicación, e para o xoves 8 de marzo está prevista una manifestación que sairá ás 20:00 h desde a praza da farola de Urzáiz e descorrerá ata a praza da Constitución baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”.
As actividades previstas na praza da Constitución desenvolvenranse desde as 13:00 ás 19:00 h. e inclúen actuacións musicais para todos os gustos. Así, esta céntrica praza transformarase nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral. A música soará de xeito ininterrumpido durante seis horas.
Ás 13:00 horas actuará a banda “Unión Musical de Valladares”, unha formación musical con máis de 100 anos de historia que acadou ao longo da súa traxectoria importantes galardóns. A súa escola de música conta, na actualidade, con máis de cen alumnos e alumnas.
A música na praza da Constitución seguirá pola tarde, a partir das 16:15 h. coa actuación de iRiAmc & Mariah!, dúas mozas galegas artistas do hip hop. Ás 16:30 h dará comezo a actuación do grupo de música tradicional “Arroutadas”, composto por catro mozas viguesas, e ás 17:30 h actuará a cantante soul AYSHA. E para rematar, ás 18:00 h, AID, firme valor do rap, ofrecerá un concerto.
Source: 2011-2013
Sen comentarios