Participantes no percorrido polo I Roteiro en Feminino, na rúa Real. © Foto: Víctor Acuña. |
Fixemos o pasado sábado o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres” promovido por Mulheres Nacionalistas Galegas co obxectivo de visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo. Leva por quince puntos de Vigo nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas.
Percorre quince puntos, algúns deles espazos emblemáticos da cidade nos que pervive a memoria dos traballos das mulleres, ocupadas tanto facendo a colada nos lavadoiros públicos como trenzando cestas de vimbio, vendendo peixe na ribeira ou excedentes agrícolas nas prazas do centro histórico.
E, entre eles, espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do movemento feminista de Vigo; lugares que recuperan a memoria de mulleres víctimas da represión franquista; de pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres e impulsaron a súa educación, e lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta onde se imprimiu en 1863 “Cantares gallegos”, da poeta nacional Rosalía de Castro.
Rúa das Cesteiras. © Foto: Víctor Acuña. |
O desexo de Mulheres Nacionalistas Galegas é que o Roteiro sexa convenientemente sinalizado e forme parte dos itinerarios por Vigo, e así llelo expresou neste acto á concelleira de Igualdade, Chus Lago.
Transcribimos aquí as palabras de María Casar porque son a mellor xustificación do valor histórico e cultural que ten este roteiro con ollada de muller:
“Cos nosos ollares queremos mergullarnos noutras vivencias, noutro tempo e noutros xeitos de vivir e de traballar e neste roteiro viaxamos aos sons dun Vigo que medrou coa forza, co valor, co compromiso, coa solidariedade e a valentía das mulleres que fixeron do seu labor unha achega ao desenvolvemento social, económico, ideolóxico e cultural da cidade de Vigo conformando o seu ser.
Dende o compromiso políico, dende o traballo nas conserveiras e na ribeira do Berbés. Coas mans estragadas polo xeo e as galernas cavando angurias no corazón á espera dos que foran ao mar. Dende a pedagoxía alentadora e a medicina que medraba na vonade férrea e feminina aos murmurios e cantigas nos lavadoiros comunais e nos mercados. Dende os recunchos do traballo das cesteiras para encher de patelas as mans das carrexonas e os risos cómplices das ostreiras ás bágoas de sal das que emigraban e daquelas que vían dende a Estación Marítima alonxarse aos seus nun ronsel que desangrou a un país que afogaba en suores baixo soles alleos. Dende a cruenta represión franquista daquelas que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia ou dende os versos da nosa poeta nacional que viron a luz na imprenta de Compañel até o traballo construtivo das mestras e pedagogas que soñaron unha educación que aínda hoxe é soño de futuro. Dende a vontade de SER e de CONSTRUÍR a sociedade as mulleres ás que dedicamos este roteiro son a voz, o riso, o berro seco e a ollada que nos guía a todas e todos na construción dun mundo máis xusto e solidario.
Os sons do devalo dos nosos pasos perseguindo o eco das súas voces, dos seus risos e choros, da súa voz clara e segura medran en nós para afortalar o futuro fronte ao esquecemento”.
Aspecto do Salón de Actos do Marco, na presentación do I Roteiro en Feminino. © Víctor Acuña.
Máis fotografías en:
|
http://www.flickr.com/photos/feminismo/sets/72157628472793805/
Source: 2011-2013
Sen comentarios