Menu
2011

Por unha sociedade libre e sana


Colaboración de Paula Mariño Pazó, artista plástica e escritora. (Manifesto escrito en setembro para a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos).
O luns, 18 do mes de setembro, atopei unha pequena reseña nun periódico local sobre a morte de tres mulleres na páxina de sucesos; somentes ocupaba 10 x 15 cm, o que indica unha vez máis a escasa repercusión que ten para a sociedade a morte das mulleres víctimas da violencia machista. Pequenas crónicas, que lonxe de aparecer en grandes titulares, reseñan tan só o nome e idade das mulleres e acaso o seu lugar de orixe ou onde vivía na actualidade. Son tres mulleres máis que engadir á lista deste ano, que suman xa corenta e oito e que, por experiencia de anos pasados, sabemos que non parará e que seguirá a crecer ata o mes de decembro.

Noutros xornais, nas páxinas interiores, a noticia espállase un pouco, comentando as particularidades desas mortes, que case sempre remiten ás parellas desas mulleres como posibles sospeitosos ou “presuntos” asasinos: maridos, exnoivos ou parellas sentimentais. Mulleres que morren pola man de homes que, en moitos casos, foron denunciados  anteriormente por acoso ou maltrato.

Calquera noticia sobre fútbol, políticos ou persoaxes mediáticos, ten unha maior presenza na primeira páxina de tódolos xornais.

Porén, o peor non é a indiferencia dos medios de comunicación, con todo o poder que posuen para cambiar a mentalidade das persoas, senón a indiferencia salvaxe dos homes e mulleres, que cecais pensan: “a min iso nunca me  vai pasar, a violencia machista non entrará nunca na miña vida”. Mais iso non é certo, porque unha sociedade que convive con normalidade cos asasinatos das mulleres, que convive co maltrato, psicolóxico ou físico, non é unha sociedade libre, non é unha sociedade sana, senón débil e murcha.

Esas mulleres morren, porque malviven nunha sociedade patriarcal e machista, que aínda non superou o costume dos homes paleolíticos que empurraban as mulleres ao leito arrastradas polos cabelos, eses cabelos tan perniciosos, según algunhas sociedades, para os homes. Unha sociedade que permite, que agocha, en moitos casos un maltrato que está moi relacionado tamén co salario, en moitos casos inferior ao dos homes, e coa incapacidade real de conciliar a vida familiar e laboral, aínda que nos últimos anos a meirande parte d@s universitari@s sexan mulleres, e a nosa formación supera en moitos casos a dos nosos compañeiros varóns.

Debería ser a sociedade, e a cidadanía  que a compón, a que loitara dun xeito comprometido contra a inxustiza que supón o maltrato, para establecer, desde esquemas educativos igualitarios, normas afastadas da violencia, de calquera violencia exercida contra nenas, nenos e mulleres.

Porque o problema da violencia machista aféctanos a todas e todos e non debería ser tan só un problema tratado desde as asociacións feministas ou desde as políticas de igualdade (que por certo cada vez teñen menos recursos), senón, unha preocupación de toda a sociedade.

Por iso, desde aquí, desexo facer un chamamento a todas e todos para que poñamos dunha vez freo a este problema, que é tan importante como a crise económica, e moito máis que calquera das noticias que a toda cor e en grandes titulares enchen as páxinas dos nosos xornais.


Source: 2011-2013

Sen comentarios

    Deixe unha resposta